Totó García, actor porno: “O sexo é moi difícil que canse”

[regresa a la versión en castellano]

Foto: Pauloff Estudio

 

É o protagonista da primeira peli porno galega e en galego, O Divino Ferrete, que xa se atopa en plena rodaxe por terras do país. ‘Friki’ do sexo desde noviño, como el mesmo se autodenomina, o ferrolán Alberto Couce (Totó García) ten dúas ferramentas de traballo. Unha, a obvia, coa que cumpre a actividade física. E a outra, a cabeza, que tampouco lle para de traballar. Ademais de ser actor, director, produtor e webmaster de contido adulto, Totó está estudando a carreira de Administracións de Empresas na UNED e, ao mesmo tempo, ten entre mans un máster en tecnoloxías Apple e Adobe. Acaba de estrear o novo deseño da súa web de contido adulto Placeres Virtuales, e está entregado de cheo á pelicula ‘ferreteira’, un proxecto que lle supón “cumprir unha das miñas metas profesionais”, asegura. Con todo, puido sacar tempo para pasarse polo balcón da Fervenza e desvelar aspectos claves da súa vida e obra. Así é, así traballa e así pensa Totó García, actor porno galego e agora tamén en galego. Unha entrevista na que ademais resposta a algunhas das inquedanzas dos que, desde o outro lado do ordenador, comparten espazo na Fervenza // Por Nela Bernal · Fotos: Pauloff Estudio


Como chegaches a ser actor porno? Casting? Vocación? Formación? [pregunta enviada por: @anderozados] 

Pois un pouco de todo. Dende moi pequeniño fun unha persoa moi friki do tema do porno. Recordo con dez anos ver unha peli porno con amigos agochados na casa dun deles, e velos alucinar cando eu facía apuntamentos sobre o set de rodaxe ou o adecuado que podía ser o decorado, peiteados ou vestiario… Os meus colegas non entendían como reparaba nesas cousas nunha película porno. Logo, a partir dos 14 tiven unha vida sexual moi activa e poucos anos despois xa me gravaba con líos e mozas. Teño unha ampla colección de cando era moi noviño que non sairá nunca á luz. Aos dezaoito estaba xa deseñando as miñas primeiras webs porno e con 22 empecei a acudir a castings en Barcelona, onde traballei intermitentemente ata que montamos aquí a productora. Esta é quizais a cronoloxía da miña evolución na creación de contidos audiovisuais para adultos

Como ve a túa familia e o teu entorno o teu traballo? [enviada por: anónimo, vía e-mail]

Os meus pais respétano pero non o comparten. Quero dicir que, como a todos os pais, aos meus lles gustaría que o seu filllo tivese un traballo visto como respetable polo 100% da poboación. Educáronme para iso e eu saínlles un pouco desviado (risos). Aínda así, teño moi bo rollo con toda a familia, considérome afortunado por ter unha familia estruturada. O caso dos meus amigos é o máis motivador. Eu sempre dixen desde moi pequeno que o meu soño de maior era traballar na industria do porno. Como xa dixen, fun o primeiro que perdeu a virxinidade en absolutamente todos os círculos, levei sempre unha vida sexual moi activa… A verdade é que mola moito que alguén que queres diga que farda de amigo.

Como afecta á túa vida sexual persoal o feito de traballar no mundo do sexo? [anónimo, vía e-mail]

É unha pregunta complicada. Para min é difícil responder a isto xa que hai cousas, relacionadas coa percepción que ten a xente sobre o meu gremio, que teño moi interiorizadas. A realidade é que vivo nunha especie de nube onde non me percato do que realmente acontece ao meu redor. Quero dicir que aos descoñecidos que me veñen falar lles gusta o tema do porno. Cando estou de festa, as mulleres que se me achegan veñen atraídas polo morbo que esperta o meu traballo na maioría dos casos… Porén, son consciente de que hai moita xente que non é favorable, nin ve ben que exista pornografía no mundo. Pero eu teño a fortuna de que nunca se me achega ninguén a criticalo excepto por razóns de crítica de xénero, o cal dá para interesantes conversas.  Vivo como nunha burbulla onde só vexo que me aporte cousas boas, socialmente falando. Aínda que neste sector se escoita que é difícil ter parella seria, eu tampouco o vivín así. Si vin celos e algunha discusión polo tema pero xamais sentín que fose un impedimento para ter moza. Mesmo me pasou varias veces de toparme con mulleres que ao coñecerme me dicían: “Eu non podería ter nada serio cun actor porno”, pero despois de varias semanas véndoas son elas as que me propoñen pasar a algo máis serio. Supoño que, cando se está ben con alguén, hai cousas que pasan a un segundo plano.

A rodaxe diante de Catedral de Santiago deuche notoriedade. Gústache que te identifiquen con aquelo ou prefires deixalo atrás?

Si, gústame que me identifiquen con iso porque, ademais de que son profundamente anticlerical, foi a estratexia de marketing que deu a coñecer á nosa productora e por ende a min como actor de cine porno. Creo que debo de estar orgulloso por todo o que me fixo progresar nesta industria, foi o ecuador dun antes e un despois.

¿Realmente non cansa ter sexo seguido? [anónimo, vía e-mail]

O sexo é moi difícil que canse, eu creo que todos os que temos a sorte de poder dedicarnos profesionalmente e de forma voluntaria a ter sexo sacando con iso un rendimento económico, deberíamos dar un bico ao ceo e dar grazas.

¿Hai algunha vez que non che apeteza facer algunha escena porno? [anónimo, vía e-mail]

Si, dende logo. Por moito que a un lle guste o seu curro, sempre hai días que non apetece. Problemas, estados de ánimo, parellas… Ademais, o que é rodar é moito máis complicado do que pensa a xente. Por poñerte un exemplo, a miña última escena rodada en Barcelona, hai poucas semanas, fíxose a tres graos baixo cero na serra e o guión esixía estar totalmente espidos. Podes facerte unha idea da graza que facía traballar nesas circunstancias.

A túa mellor ou máis satisfactoria escea e a peor ou máis incómoda?

Teño moitas nas que pasei bos ratos, sería moi complicado dicir unha. As que resultan máis doadas de filmar son as que graba un mesmo en POV (point of view). Neses casos, como non hai máis xente que a actriz dependendo de ti para acabar a xornada de traballo, os estreses desparecen por completo. As máis incómodas son as de exteriores pois, na maioría dos casos, para poder facelas sen que esos espazos estean a rebosar de xente, hai que realizalas con climas extremos. Non sei se veriades o 21 días na industria do porno pero aí se pode ver claramente nas nosas carnes a complexidade para os artistas ao facer ese tipo de esceas.

As mulleres coas que fas as películas chegan a ter orgasmos reais? [anónimo, vía e-mail] 

Si e non, nese sentido aseméllase bastante á vida real. As mulleres que chegan ao orgasmo con máis facilidade chegan tamén na esceas e ás que lles custa chegar na súa vida privada cústalles chegar en escea aínda máis. Cando un está cunha parella a soas é xenial poder facer o posible para intentar que esa parella goce o que esté na túa man pero, cando rodas, o fin é a obtención dun produto audiovisual, teña máis ou menos medios esa produción, polo que os orgasmos naturais de home e da muller, as veces, son secundarios.

O DIVINO FERRETE, UNHA META FEITA REALIDADE 

Que te animou a participar no proxecto de O Divino Ferrete?

Os que estamos asumindo a cabeza das responsabilidades do proxecto, converxemos nun plan de acción global pero temos pequenas diverxencias no fin. Mentres que para eles o máis importante é a utilización do porno como método para a normalización lingüistica, eu, aínda que amo a nosa terra e a nosa cultura como ninguén, recoñezo que o que máis me motivou desta iniciativa, ademáis do proxecto en si, foi ver xente de tantos puntos antagónicos da cultura galega xuntos para levar a cabo un producto erótico sen fin lucrativo. Creo que participar neste proxecto é facer realidade unha das miñas metas profesionais e poder traballar nun filme desta envergadura, sabendo que a distribuición é Creative Commons, é máis motivador  se cabe.

Sínteste cómodo facendo porno en galego? [anónimo, vía e-mail]

Si. Debo recoñecer que, para min, non é unha situación habitual facer sexo pronunciando palabras como cona ou pirola, pero isto era algo que levaba moito tempo con ganas de facer. Dende que comencei a producir, sempre comentei abertamente a idea de levar adiante unha longametraxe en galego, pero ata que Alejandro Tobar me contactou co proxecto de O Divino Ferrete non me atrevera a facer nada. Cada vez que o pensaba, imaxinaba a responsabilidade que sería facer ben algo como isto. Por iso, ao ver o guión deste gran proxecto foi como se unha das miñas metas profesionais se estivese facendo realidade.

Foi difícil atopar financiamento? Que foi o que máis atrancos provocou, ser en galego ou ser porno? [@lagoldenlady]

O tema do idioma é o nexo de unión para todos os profesionais de diversos ámbitos da cultura galega que integran O Divino Ferrete, polo que, máis que un atranco, só podemos velo como a principal fortaleza deste. Sobre o tema do orzamento, gustaríame dar as grazas, en nome de todo o equipo que formamos este gran proxecto, a todas as persoas que colaboraron achegando os seus propios fondos, xa sexa en forma de doazón como en forma de compra de merchandising. Respecto de se foi complicado ou doado conseguilo, podo dicir que non foi fácil. Aínda que xa temos suficiente para comezar e, incluso, para rodar o 80% da película, a realidade é que aínda nos queda un chisquiño para poder afrontar todos os custes que son precisos para a realización dun filme coma este. Ao non contar con ningún tipo de subvención pública, as variables de política, lingua e contidos X, non producen ningún tipo de conflito para levalo adiante. As principais dificultades foron encontrar artistas femininas con coñecementos da nosa lingua que puidesen interpretar con soltura certos papeis e, tamén, que mostrasen un compromiso cun traballo onde o salario do mesmo é moi limitado.

Xa comezaron as rodaxes, como van?

Polo de agora levamos rodada a primeira escea de sexo na que a min me tocou estar diante das cámaras compartindo planos con Diana Ponferrada, a nova protagonista. Rodouse a dúas cámaras e foi dirixida a partes iguais por un home, Fernando Fernández, e unha muller, Natasha Lelenco, polo que a perspectiva mixta das accións sexuais está garantida. O ritmo de traballo que levamos é lento pero, o importante é que, por fin, o proxecto arrincou na práctica. Toda a xente que forma o cadro técnico faino de maneira altruista, polo que só podemos filmar cando bastantes deses membros teñen un día liberado de traballo e ocupacións persoais.

O proxecto prevía unha versión dura e outra suave… Cres que a audiencia demanda diferentes niveis de porno? Están cubertas esas demandas?

Finalmente non se van facer esas dúas versións. Cando se propuxo o proxecto, a anterior dirección comentou todas as posibilidades ás que poderiamos chegar se acadabamos o orzamento necesario. A xente colaborou o que puido e os fondos dan xa case para rodar o 80% da peli. Malia que tivemos que facer recortes coma ese, o filme é viable na súa versión máis relevante: a que leva imaxes de alto contido adulto. Creo que houbo un momento na historia da distribución de produto adulto no que, dende as televisións, se demandou un producto soft para poder emitir a certas horas. Falamos de finais dos 80 e principios dos 90. Hoxe en día, cando a distribución nun 99% é internet, xa non ten sentido posto que o consumidor non pagaría por ver unha escea na que non se visen accións explícitas. Así é que, en resumo, non creo exista tal demanda.

 O ‘fem porn’ reivindica un tipo de porno que cubra as necesidades e gustos máis femininos alén do ‘porno do mete-saca’, buscando outro trasfondo, algo que xustifique as escenas de sexo. Que opinas desta tendencia? Observas gustos moi diferentes entre público masculino e feminino?

Aínda que as mulleres que coñezo e que lles mola o porno teñen, cada unha, a súa versión particular dos contidos que se fan, hai un importante volume de mulleres que consomen porno masculino, polo que ese auxe que houbo hai uns anos de facer porno orientado a esas perspectivas foi morrendo pouco a pouco. A realidade é que, globalmente, a muller ve porno, eu creo que senón case tanto como un home, si o ven a miúdo pero aínda non pagan por el, o que se convirte nun freo en seco para levar adiante proxectos específicos.

foto: Pauloff

VÍTIMAS OU BENEFICIADOS DAS DESCARGAS EN INTERNET?

Internet e as redes sociais facilitan o acceso ao sexo. Permítevos promorcionarvos pero ao tempo abre a porta a unha maior competencia. É unha ferramenta positiva ou negativa para ti e para os que traballades na industria do porno?

A min internet doume a vida, pois sen internet non poderíamos existir como ente productor. Recordo cando comencei, o difícil que era meterse no mercado do DVD. Había unha cúpula de empresas que tiñan unha asociación que facía a función de bloque pechado con respecto á distribución. Chamábase Apeoga e nel loitaban por erradicar a competencia que ía entrando no sector. De feito, esas técnicas abusivas pasáronlle factura pois, hoxe en día, só unha das productoras que formaban esa asociación segue funcionando. As demais non se souberon adaptar aos novos tempos e morreron. Eu creo que internet foi un instrumento de democratización absoluta na industria da producción de contidos para adultos. Calquera con boas ideas, podía facer unha mostra do seu producto e colgalo gratuitamente nos tubes para promocionarse. Supuxo a eliminación do caciquismo industrial que había neste sector hai uns anos polo que, abrindo paso a unha regulación natural do mercado por parte da competencia, sempre sae gañando o consumidor.

Sodes tamén ‘vítimas’ das ‘descargas ilegais’? A xente paga menos polo produto sexual pola situación de crise?

As productoras porno están gañando máis cartos en crise que antes dela. Sei que é banalizar unha situación que para todo o conxunto da sociedade está sendo moi dura, pero eu sempre digo nos meus círculos pechados que semella como se a xente, ao quedar sen curro, estivese en casa dándolle á mandanga todo o día. Cústame entender como pode ser que nós esteamos facturando tanto con respecto a anos pasados, producindo a mesma cantidade de produto, coa que está caendo… Sobre o tema das descargas, eu creo que non existen descargas ilegais, senón xente que comparte cousas virtualmente, do mesmo modo que na era do VHS, das cintas ou posteriormente cos CDS e DVDs. Cando comezaba nisto, alucinábame que cando buscabas unha escea porno na rede, case todas as gratuitas pertencían a unha productora americana que facturaba billóns de dólares de beneficio o ano, Bangbros. Iso sempre me levou a pensar que había unha relación directa entre estar en internet gratis e gañar cartos con isto. Máis adiante, como produtor, decateime de que realmente facemos productos con data de caducidade, pois unha escea ata que está moi vendida non aparece na rede de balde. E, cando o fai, convírtese en publicidade para as novas esceas publicadas que aínda non se poden obter gratis, polo que se estimulan as ventas.

Eu creo que, a un prezo razoable, todos preferimos gastar un euro ou dous e ter a peli no momento en alta calidade que poñela a baixar para ter que vela máis tarde, outro día ou toparte con que non baixaches o que querías. O problema son os prezos altamente inflados do mercado de audiovisual en xeral que non teñen nada que ver co que deberían ser nestes tempos. Logo hai outro problema na industria do audiovisual: a mala xestión da mesma. O cine español, desgraciadamente subvencionado, fai unha peli boa de entre vinte. Ao non depender de ter beneficios polo creado para seguir co chiringuito e polo feito de traballar cos cartos de todos, poden permitirse facer un producto que non ten demanda e, por conseguinte, que ninguén pague por el. O produto extranxeiro que chega, chega uns prezos que non teñen sentido, polo que ninguén paga xa tampouco por este. Eu creo que a industria da creación de cine en España debería privatizarse para que, ao existir unha competencia e depender dunhas expectativas gananciais, mellorase a calidade. A solución para a distribución, claramente, son os sistemas tipo netflix, os cales cobran prezos razoables polo producto audiovisual e podes disfrutalo no momento. Cando entren aquí ese tipo de servizos integrados nos aparatos de TV, o noso país deixará de ser o primeiro en descargas “ilegais”.

Contemplas novos formatos como o 3D?

Non, xa houbo empresas que o intentaron en España pero non resultou ser un formato que de beneficios neste sector. Non temos intención polo de agora de entrar nese mercado.

Un fervenceiro próximo a ti pregunta como levas o cambio a Mac…

O cambio a Mac é a mellor decisión laboral que puiden tomar. Eu sempre fun dos que dicía que, co que che costa un Mac, tes un pecé da ostia e todo ese largo etc. Ata que comencei un máster en tecnoloxías Apple e Adobe, onde estaba obrigado a traballar con Mac. Ao mes seguinte de empezar, na miña casa xa había Mac e PC. Agora mesmo só teño Mac. Non sei para outras labores, pero no relacionado co traballo sobre foto e vídeo, Mac e os seus programas asociados lévanlle décadas de adianto en eficiencia, simplicidade e estabilidade aos sistemas e programas de PC.

Como eres alén do sexo? Gustos, aficións, hobbies…

Considérome unha persoa moi normal no meu modus vivendi pero claro que vou a dicir eu (risos). Gústame o cine, case todas os xéneros son benvidos. Na música, pásame exactamente o mesmo, teño grupos favoritos en case todos os ámbitos polo que o paso ben en calqueira sitio de festa. No tema do deporte, encántame o surf, o snowboard, o ping pong e o fútbol. Fago unha media de hora e media de deporte o día sen contar co sexo, que é o mellor dos deportes.

Que gran verdade! Algo para culminar, Totó?

Moitas grazas por esta magnífica entrevista, foi un pracer. Unha aperta forte pra todos os fervenceiros!

  1. Pingback: Faladoiro con Totó García, actor porno « a fervenza do sur

  2. A verdade penso que entrevistas coma estas dignifican ainda máis un traballo e aos profesionais que nel participan, que moitas das veces vese como frívolo, por o intrusismo de moitos pseudo-famosos que se meten a ser actores porno, facendo un fraco favor a persoas profesionais como o é Alberto Couce (Totó García).

  3. Pingback: Totó García: “O sexo é moi difícil que canse” [NMNT]

  4. Pingback: Acabando de espir a Totó « a fervenza do sur

Reflexiona

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s