Gonzalo Vázquez, o ‘obsceno Neno Barroco’

Gonzalo Vázquez cunha modelo. Foto de Óscar Corral

Daban as nove da noite na Berenguela e eu, como con medo a que a carroza se fixese cabaza e tentando non deixar o zapato na carreira, apresureime por entre os recunchos da Acibechería á procura do lugar acordado para a cita fervenceira. Atopeino, non sen axuda do SmartPhone, xusto a tempo para non perder a maxia, e atravesei a vidrieira da porta contigua ás Crechas case coma un lóstrego. Empapeime de seguido da historia que respiraban aqueles chanzos de madeira envellecida que me guiaban, xa sen volta atrás, cara ao terceiro piso. Gonzalo Vázquez (GV) é unha desas persoas coas que ‘follar as mentes’ se fai tarefa fácil. Deseñador, escultor e escritor, todo el transpira arte. Hai moita sensualidade na categoría artesanal, no traballo coas mans, así que escoller o atelier de GV como contexto para a nosa cita foi máis que acertado.

Fixo aparición cun aspecto impecable, cun intachable estilo que xa me cautivou aos dous primeiros bicos de rigor. Tras un breve percorrido polo taller, moi correctos os preliminares, levoume ao fondo do piso, ao lugar onde teriamos sexo oral durante os 40 minutos seguintes. Houbo entendemento, foi cómodo. Démoslle á lingua, á galega. Compartimos posturas. E Gonzalo espiume de prexuizos con argumentos nunha man. Na outra, unha taza de café coa que combate desde hai días o déficit de descanso propio dun gran artista a piques de amosar a súa nova obra. O Gonzalo modisto presenta colección este venres, 4 de maio, en Compostela. E diso tamén falamos…

Comunga coa perspectiva fervenceira, que, confesa, lle parece “estupenda”, pero non agochou as súas reticencias á miña filosofía respecto das orientacións. Son a cultura, educación ou sociedade as que nos marcan a orientación sexual? Eu digo que si, pero sempre con matices. El tamén, e así mo aclarou: “Chegar a afirmar que todos nacemos bisexuais é un pouco atrevido, pero a sexualidade está intrinsecamente ligada á cultura, que non é innata. Polo tanto todas as… non falemos de opcións porque é unha palabra odiosa… todas as prácticas sexuais, todas as visións e todo o que diso deriva é algo relacionado coa cultura, co contexto social, co estatus… Así que si, en parte estou dacordo” con esa filosofía.

Achegueime un chisco cara a el avanzando por aquel pequeno espazo que sen dúbida é o campo de batalla do Gonzalo creador: un sofá, unha mesa con ordenador, unha morea de libros, cinceiros feitos cemiterios de cigarros, garabatos, tazas de café… Movín a cadeira o xusto para poder captar mellor a súa voz, os seus matices. Enganchoume desde a primeira palabra e para cando quixen mover ficha xa estaba presa.

“O pracer move o mundo” é unha das máximas das que GV non se desprende. “Non me interesa –confesoume- nada que parta da necesidade, porque iso é básico. Quero que a miña vida parta do pracer, que é aquilo que supera a necesidade. No vestir, por exemplo, poderiamos ter só un abrigo ou dúas mudas para cubrir a necesidade, pero o pracer é outra cousa”.

– E no sexo? –pregunteille, inocente de min. E, como bo galego, respostoume:

– No sexo, de onde partes… do pracer ou da necesidade?

Touché. O neno barroco é un tipo dos que te deixa sen palabras. É, ademais, un obsceno. E non porque eu o diga. “Considérome profundamente obsceno por mostrarme como son”, espetoume, cando xa non podía eu estar máis preto. Debulleime unha inquisitiva cara de interrogante. “Aquilo que se é pero non se mostra é o obsceno, e a sexualidade é algo obsceno porque non se fala dela nin se practica en público”.

Certo. O silencio ao redor do sexo é moitas veces enxordecedor. Non houbo silencio neste noso cara a cara fervenceiro e dominical. Non era ese o obxectivo. Pero o silencio, ao final, é iso que Gonzalo busca na súa nova colección: unha “ausencia de ruido. Non quero decir o esencial, senón elixir entre as opcións e quedar co mínimo”.

Gonzalo Vázquez no atelier

Acendeu un cigarro e cavilou un intre. Xa entraramos en materia e podiamos seguir movendo ficha. Tirei os dados. Tocou pornografía. “En El árbol de la ciencia de Pío Baroja chégase á conclusión de que naquelas cidades nas que hai pouca pornografía é porque hai pouco sexo. É moi dubidable esta afirmación. Pero imaxina, se non se falase nada de sexo, e a pornografía é unha das canles de comunicación de sexo, que quedaría? Pode levarnos a nada ou a todo”. Segundo touché. A pornografía está á orde do día e totalmente accesible. Estamos perdendo erotismo?, espeteille. “Hai porno con erotismo?” preguntoume el. Eu penso que non. El púxolle matices, pero en todo caso serviunos para lembrar a súa colaboración directa co proxecto de O Divino Ferrete, do que segundo me susurrou entre calada e calada, agarda que “se acabe pronto, porque é un proxecto xenial no que temos moitas ilusións e que imos arrastrando…” Vale, totalmente dacordo, Gonzalo, pero que fai un deseñador vestindo actores e actrices para unha película porno? “Ten un bo guión, e escrito moi ben. Non é toma-daca”. Ah, vale.

Tocaba cambiar de postura e pasamos á moda. Hai un binomio social moi extendido que suma nunha mesma operación ‘moda’ e ‘homosexualidade’. Isto é: deseñador igual a gai. Por aí lle entrei. Negoume unha relación directa entre “a escolla sexual e o traballo que realizas”, pero non a existencia dese binomio a ollos da sociedade, ao que tentou buscarlle unha resposta no feito de que “eses deseñadores que si son gais teñen máis visibilidade que os outros. Ninguén fala de Lorca como gai, nin de Grande Marlaska como un dos grandes xuices coñecidos declarado gai, falando da súa condición sexual. E grandes xornalistas ou políticos. Pode ser que ámbitos como a moda teñan máis caída cara ao amarelismo”. Posiblemente si sexa iso. Pero ás veces nos cremos con dereito de xulgar a sexualidade das persoas segundo a roupa que vistan, etiquetamos sexualmente segundo o aspecto. Escoitoume atentamente, baixou a ollada e para cando ma devolveu, cun sorriso, foi tallante: “Pásalle o mesmo ao hábito co monxe que á galiña co ovo. Que é antes, a roupa ou a orientación sexual?” Un ‘touché’ máis e perdería a consciencia.

O que non podemos discutir é que a roupa comunica. Que queremos comunicar, a quen? Que quero amosar de min? Ten que ver co construirse. Eu visto unha roupa e constrúo a miña personaxe no contexto. Acontece a diario, neste intre, coa roupa, co peiteado, con todo…” Entón reafirmeime, toda chea de razón eu, nunha idea que levaba no peto: Entendo que alguén que fai roupa tamén quere comunicar. De que nos falas ti, Neno Barroco? “Unha persoa que fai roupa non comunica, quere dar instrumentos de comunicación para que lles sirvan a algunhas persoas que si queren comunicar algo”. Pechei os ollos, e collín aire para voltar en min. Pero un deseñador que deseña unha prenda é como un escultor que esculpe unha figura, non é? Ambos os dous teñen unha inspiración propia e o resultado é unha expresión dun mesmo… “Podes facer esa comparación coa literatura: un libro non é libro ata que é lido. O deseñador é deseñador como escultor cando alguén usa esa peza de roupa, cando viste á persoa”.

Gonzalo Vázquez y su anterior colección

Atopábame eu acalorada entre o arrecendo a cafeína, o intenso do encontro e o fume de tabaco. Tocaba quitar roupa e Gonzalo pareceu sabelo ao momento. Nada máis tocar o tema do galego espiume de prexuizos e fíxome ver as visións mediadas pola cultura. Que o galego é unha lingua que se presta moito para falar de sexo, moi sensual na súa sonoridade é, segundo GV, “un dos máis nefastos prexuizos lingüísticos que pode haber, igual que o alemán sexa bruto, o francés doce e o italiano romántico… Eu defendo que o galego, como calquera lingua pode comunicar calquera cousa”, sentenciou.

Sentinme en confianza de desvelar segredos, e entón conteille a Gonzalo que, como eu son moi de traballar no plano onírico, a mesma noite que concertamos a cita soñei que lle preguntaba polo fetichismo. Así que, sen un obxectivo concreto ao redor deste concepto, pedinlle que proseguira coa oralidade sexual antes de que me arrefriara. Cumpriu con argumentos e explicando que as súas prendas creadas son, de feito, fetiches no sentido de que lles dá o valor engadido co facer artesanal, lles proporciona un “aura” como da que fala Walter Benjamin no sentido de contrapoñela a eses produtos da industria realizados mecanicamente, que se convirten en “miméticos e uniformizadores das persoas e eliminadoras do pensamento”. Aínda considerándose “hipermoderno”, confesoume, “no sentido teórico teño a ben aquela afrmación de considerar a aura como un plus. O fetichismo, xa que logo, existe,  porque a materia plena xunto coa aura suprema pode chegar a levar en si grandes fetiches”. Na moda, si, e tamén de forma moi importante no sexo.

Pero non me preguntes cal é o meu gran fetiche porque non o teño, nunca fun persoa de grandes ídolos”. Idolatrar quizais non, pero si admira personaxes como Alexander McQueen, que era “un ser brutalmente lúcido mesmo ata o seu suicidio e deixou obras mestras. Pero de aí a idolatrar… non”, sentenciamos, ao unísono. Gonzalo di de McQueen que é o “Balenciaga contemporáneo”. E xa que estabamos con comparacións, solteille iso de que o definan a el mesmo como ‘o novo David Delfín’. Como resposta, dixo respectar a opinión, malia consideralo extraño e, en todo caso, aclarou que “o corazonciño segue sendo de Neno Barroco”.

Porque pasada a media hora xa vía que aquilo ía a bo porto e aventuraba un final feliz, quixen manter un chisco máis a oralidade accesa e metinme naquel controvertido anuncio de Loewe que estourou nas redes sociais. “Non me parece escandaloso, pero vexo fascinante como algo tan banal chegou a ser tan comunicado. A campaña en si tiña un punto obsceno. O que aconteceu foi unha fórmula de estrañamento, de poñer algo nun lugar non común para iso. É como se vas pola rúa e te atopas unha lavadora no medio do Obradoiro. Ver eses nenos dicindo esas cousas, e non só unha soa senón todas xuntas, non era de esperar en Loewe. E quizais por iso é polo que funcionou. Agora… ser moralista eu para xulgar un anuncio dese tipo? Non!

Cartel da presentación de 'Silencio' (4/05/2012)

Agora si, ás portas da éxtase e agardando un broche de ouro para a nosa cita, pedinlle voltar á moda, e acariñoume con segredos da nova colección, ‘Silencio’, que o mantén estes días na área de ‘prepartos’. “As coleccións son coma fillos, ti párelos e despois se comportan como queren, xa son libres. Voltando un pouco ao principio, a aquelo da bisexualidade, e para pechar o círculo, poderíase dicir que é unha aposta pola mestizaxe de xénero no vestir, pola confluencia de masculinidade e feminidade”. Roupa unisex, reflexionei en alto. Non, correxiume. Tería sido o último ‘touché’, pero a miña imparable excitación freou unha posible rendición. Mantívenme forte para culminar o encontro. “Unisex é o que vale para os dous. Eu falo de integrar elementos masculinos na feminina e o contrario, que é tamén o menos feito, integrar o feminino no masculino. Os  pantalóns son de home? Non, e de feito foi unha grande revolución que as mulleres os empezaran a utilizar. Porque elas tamén teñen dúas pernas, anatomicamente poden usar pantalóns. Hai moitas cousas que están por explorar….

O que, Gonzalo? Dime, veña, di, si, non pares, agora non pares… o que? Faldas nos homes? “Non faldas, pero o zapato de tacón é, estéticamente nos homes, algo fascinante…” E xa! Si, oh, si! Coincidimos! Aí me gañou de todo e crin morrer de éxtase por un instante no que a vida pareceu ameazar con abandonarme á miña pracenteira sorte. Unha deliciosa ‘petit-mort’ da que por escasos segundos non quixen resucitar.

Homes con zapatos de tacón! “É algo que pronto vai chegar e vai calar, non como a falda nos homes, quizais porque hai sectores da moda moi reaccionarios”. Volvín á miña consciencia e abrín os ollos. Alí seguía GV, coa súa intachable presencia e un abraiante sosego. Sorrín, desfeita…

Pechamos o encontro como dous novatos:

– “Que tal, gustouche?”

– “Eu marcho satisfeita, que tal ti?”

– “Moi ben, pero pensei que serías máis indiscreta…

Tomo nota, Gonzalo.

Silencio, a segunda colección de Gonzalo Vázquez, preséntase este venres catro de maio ás oito da tarde no hotel NH Obradoiro, nunha posta en escea interdisciplinar con moda, danza e música e a colaboración especial de Manuel Bandín para Cebado. A entrada é libre.
Anuncios

Reflexiona

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: