Gastrosexoloxía: á procura da ‘viagra gastronómica’

‘O carteiro sempre chama dúas veces’ (1981)

Teño moi clara na mente a primeira vez que vin sexo medianamente explícito en televisión. Foi a deshoras e por pura casualidade. Era véspera de colexio, noite moi pechada, xa moi tarde, e eu levaba uns días enferma. Era pequena, tanto como para ir ao cole compañada, e non tiña máis coñecemento sexual que o dos televisivos rombos, aquel símbolo do prohibido que non facía senón alimentar a miña curiosidade. Erguinme da cama con algún tipo de dor que non acabo de lembrar e agardei no salón mentres miña nai me preparaba algo, unha soupa ou menciña, imaxino eu. Inconscientemente, e loitando contra un estado somnolento que me pesaba nos ollos, dei en ollar cara á televisión e espertei da hipnose de xeito inmediato. Quedei abraiada pola violencia coa que aquel home con cara de tolo -iso me pareceu a min- lle arrincaba as bragas á súa muller -así o interpretaba eu- e a botaba sobre a mesa para facer pan con ela.

O carteiro sempre chama dúas veces (1981) dá conta da boa relación entre sexo e cociña. Nove semanas e media completa o concepto da fusión entre comida e orgasmos. O comer e o follar conforman un exitoso matrimonio natural de praceres exponenciais: a satisfacción de dúas necesidades vitais nun mesmo acto no que traballan todos os sentidos. Esa é a base da gastrosexoloxía: os mecanismos de excitación que subxacen e inflúen no pracer que nos proporciona o mundo da gastronomía, a suxestión psicolóxica que se produce ao mesmo nivel que nos preliminares sexuais. Unha suxestión a través de imaxes, películas, música, aromas… pola que o noso cerebro libera endorfinas -hormonas do pracer- tamén presentes nos momentos previos ao sexo e que guían ao amante cara á excitación. Amelie, Tampopo, Como auga para chocolate e ata Ratatouille complementan a lista de títulos cinematográficos gastrosexolóxicos.

Da psicoloxía ao sexo, e do sexo á gastronomía. Velaquí o camiño percorrido pola grovense Mónica Novas ata facerse experta en gastrosexoloxía. “Como psicóloga clínica e sexóloga chegou un momento no que decidín investigar os mecanismos de pracer. Como afecionada á gastronomía vin que a investigación dentro deste campo era nula e decidín adentrarme no descubrimento destas bases gastropsicolóxicas”. Así mo conta ela, e non lle falta razón. Todos sabemos dos praceres que nos producen as prácticas culinarias, pero poucas veces lemos ou vemos destes temas como disciplina. 

A Fervenza é declarada defensora dos praceres que nos ofrece a terriña, nomeadamente a riqueza de pratos e produtos que nos disparan a libido gastrosexual. Xa falamos dos orgasmos de Antroido das filloas.  O noso marisquiño xa é todo un clásico. E un bo cocido nun domingo de frío e chuvia de seguro que nos satisfai as nosas necesidades vitais. Mónica confirma o poder libidinoso do enxebrismo culinario: “O produto galego coa súa base de gran calidade xa ten toda a predisposición para poder ser empregado en gastrosexoloxía“. Pero ao mesmo tempo nos desmitifica o carácter afrodisíaco que tradicionalmente asociamos a certos produtos. Depende desa autosuxestión de cada un, e xa que logo calquera comida pode espertar os nosos desexos sexuais, ao mesmo tempo que, pola experiencia e historial previo de cada un, certos ingredientes poden representar tamén o anti líbido. Así é que non hai, e non nos trabuquemos, unha receita máxica que nos garanta un sexo pracenteiro, senón múltiples opcións de ‘viagra gastronómica’ atendendo á sexualidade de cada un. “Estatísticamente algúns produtos poden gustar máis que outros, pero ao igual que cada personalidade é diferente, coa gastrosexoloxía sucede o mesmo”, di Mónica.

Mónica Novas, gastrosexóloga

Así e que… Que nos recomenda esta gastroexperta para unha noite de paixón? Unha cea caseira ou un bo menú de restaurante? Efectivamente, non hai unha resposta absoluta. “Depende do lugar, da situación e d@ cociñeir@”. En todo caso, aprender eses mecanismos polos que a comida nos esperta a libido para poñelos en práctica na cociña de cada un, é un bo paso á hora de gastrosexoloxizarnos. A oportunidade de facelo témola ao alcance da man. Espacial e temporalmente. Mónica Novas impartirá este sábado en Santiago un taller no que desvelará “os procesos psicolóxicos de pracer que interveñen na gastronomía” e amosará “a suxestión previa a cada tapa ou degustación na que intervirán eses mecanismos”.

Non sei a vós, fercenceir@s, pero a unha servidora xa se lle está abrindo o apetito. O sexual, o culinario e mais o literario, que as musas xa me están contando ao ouvido historias de ceas para tres, con exquisitos caldos, inmellorable marisco e un bo postre… Pero iso será contido para un outro post por chegar… Bo proveito!

Bicos desde o balcón…

Anuncios

Un Comentario

  1. Pingback: A Gastrosexoloxía en escena | AGV

Reflexiona

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: